Estudar en Galicia
Galicia é unha Comunidade Autónoma de España e unha das chamadas nacionalidades históricas, ao igual que Euskadi e Cataluña. Está situada no noroeste da Península Ibérica. Este territorio ten unha lingua de seu: o galego, unha das catro linguas cooficiais de España e falada por case 3 millóns de persoas.
A Universidade de Heidelberg ten acordos con dúas das tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), polo que os seus estudantes poden realizar unha estadía en Galicia un semestre ou un curso académico a través do programa Socrates/ERASMUS. Para máis información sobre estas dúas universidades, pódese consultar as súas páxinas web:
- Universidade de Santiago de Compostela. Hai disponibles catro prazas completas, 2 para os estudantes do Romanisches Seminar e outras dúas para os estudantes do Institut für Übersetzen und Dolmetschen.
- Universidade de Vigo. Están dispoñibles dúas prazas completas para os estudantes do Institut für Übersetzen und Dolmetschen.
Curso de verán de galego en Galicia
As universidades de Santiago de Compostela e da Coruña ofrecen escolas de verán en Galicia, ás que poden asistir tanto os estudantes da rede de lectorados coma calquera outra persoa interesada. O principal obxectivo destes cursos, que teñen lugar normalmente durante o mes de xullo, é dar ao estudantado a oportunidade de adquirir familiaridade coa lingua e coa cultura propias. O programa tamén inclúe excursións en Galicia.
- A Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega ofrecen cursos de verán de galego para estudantes estranxeiros de nivel elemental, medio e avanzado.
- A Escola de Galego da Universidade da Coruña realiza cursos na Facultade de Filoloxía, no campus universitario. Inclúe 80 horas de clase durante o mes de xullo.
Todas as escolas de verán de galego ofrecen bolsas de ata 500 euros. Para saber como solicitalas, contacta co Centro de Estudos Galegos.
· · ·
· · ·