CEG | Estudo e ensino
Estudar galego en Heidelberg
Estudar galego en Galicia
A lingua e cultura galegas constitúen historicamente unha ponte entre o Hispanismo e a Lusofonía, e por iso o galego permite introducir unha visión máis rica da realidade das linguas e culturas iberorrománicas. Achegarse ao coñecemento da lingua e cultura galegas permitirá ao alumnado desenvolver un mellor entendemento da historia, política, economía e sociedade da Península Ibérica.
Estudar galego en Heidelberg
Os estudantes de tradución e interpretación do Institut für Übersetzen und Dolmetschen e os estudantes de linguas románicas do Romanisches Seminar poden acceder aos seguintes cursos do Centro de Estudos Galegos (CEG):
Materias do semestre de inverno 2022/23
Cooperación académica entre os Centros de Estudos Galegos de Heidelberg e Viena
O Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade de Heidelberg asinou en 2020 un proxecto de cooperación académica co CEG de nova creación na Universidade de Viena. O proxecto de cooperación ten como obxectivo o asesoramento e apoio por parte do CEG Heidelberg no desenvolvemento de tres actividades principais na institución austríaca: docencia, investigación e transferencia e promoción da lingua e cultura galegas.
Ademais das materias de lingua e cultura galegas, o proxecto de cooperación contempla o desenvolvemento de proxectos de investigación en colaboración e a organización de eventos académicos extracurriculares como, por exemplo, palestras, mesas redondas e obradoiros.
Cooperación académica entre o Centro de Estudos Galegos (CEG) do HCIAS e o Instituto Cervantes de Múnic
Recursos audiovisuais e bibliográficos
O Centro de Estudos Galegos conta cunha colección de recursos audiovisuais e bibliográficos que se pon ao dispor de todo o alumnado e persoal investigador na Universidade de Heidelberg. A creación e o estado actual da nosa mediateca foi posible grazas ás xenerosas achegas de distintas persoas e institucións: Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Editorial Galaxia, Fran Alonso, Editorial Xerais, Turgalicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Ademais, dende o CEG, levouse a cabo unha aplicación de móbil chamada ‘Ximnasio dos verbos’, da man do antigo lector Gabriel Pérez (2013-2016) e o alumno Óscar Rivas. O obxectivo da app é adestrar os verbos con alternancia vocálica e os verbos irregulares en galego. Está dispoñible na seguinte ligazón para sistemas operativos Android.
Estudar galego en Galicia
Galicia é unha Comunidade Autónoma de España que está situada no noroeste da Península Ibérica. Este territorio ten unha lingua de seu: o galego, unha das catro linguas cooficiais de España e falada por case 3 millóns de persoas.
A Universidade de Heidelberg ten acordos con dúas das tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), polo que os seus estudantes poden realizar unha estadía en Galicia un semestre ou un curso académico a través do programa ERASMUS. Para máis información sobre estas dúas universidades, pódese consultar as súas páxinas web:
- Universidade de Santiago de Compostela. Hai disponibles catro prazas completas, 2 para os estudantes do Romanisches Seminar e outras dúas para os estudantes do Institut für Übersetzen und Dolmetschen.
- Universidade de Vigo. Están dispoñibles dúas prazas completas para os estudantes do Institut für Übersetzen und Dolmetschen.
Para máis información, por favor, contacte co CEG.
Curso de verán de galego en Galicia
As universidades de Santiago de Compostela e da Coruña ofrecen escolas de verán en Galicia, ás que poden asistir tanto os estudantes da rede de lectorados coma calquera outra persoa interesada. O principal obxectivo destes cursos, que teñen lugar normalmente durante o mes de xullo, é dar ao estudantado a oportunidade de adquirir familiaridade coa lingua e coa cultura propias. O programa tamén inclúe excursións en Galicia.
- A Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega ofrecen cursos de verán de galego para estudantes estranxeiros de nivel elemental, medio e avanzado.
- A Escola de Galego da Universidade da Coruña realiza cursos na Facultade de Filoloxía, no campus universitario. Inclúe 80 horas de clase durante o mes de xullo.
Todas as escolas de verán de galego ofrecen bolsas de ata 500 euros. Para saber como solicitalas, contacte co CEG.